DAS CONFRARÍAS MEDIEVAIS Á ADVOCACIÓN MARIÑEIRA DA VIRXE DO CARME.
Ago 03 2025

POR CARLOS NUEVO CAL CRONISTA OFICIAL DE VIVEIRO (LUGO).

Altar da Virxe do Carme na igrexa de Santiago, en S. Francisco

Adral

Sen lugar a dúbidas, a proliferación de gremios, confrarías e irmandades dentro do mundo dos mareantes orixinou dende a Baixa Idade Media toda unha serie de advocacións arredor dun Santo patrón ou patroa, neste caso da Virxe María que actuaría como mediadora entre o humano e o divino. Os motivos, evidentemente, son múltiples e obedecerían principalmente ao carácter devocionario dadas as especiais circunstancias que sempre rodearon a un oficio de alto risco como é o dos mariñeiros. Deste xeito dende o nacemento mesmo dos gremios e confrarías, aparecen necesariamente os distintos santos ou virxes como intercesores permanentes e como refuxio de pecadores.

Alfonso X o Sabio nunha cantiga tiña xa ordenado que “las popas de los buques de cierta importancia se decoren formando doselete para guardar la Virgen”.

En Viveiro o primeiro patrón do gremio dos mareantes foi San Luis Bispo de Tolosa, quen tivo inicialmente o seu lugar de culto na capela da Alba, no convento de San Francisco, onde celebraban a festividade do santo titular pola mañá, con misa cantada, sermón e procesión que percorría as rúas da vila; á tarde realizaban unha nova procesión polo claustro do mosteiro co Santísimo, que permanecía exposto na igrexa durante o resto da xornada. Por todas estas funcións percibían os frades cento dez reais ao ano, cera para as festas de San Luís e do Corpus e, ademais, seis fachas e seis velas para o enterro dos relixiosos.

Posteriormente, en 1803, o gremio dos mareantes instalouse na capela da confraría do Santo Cristo que estaba situada na derruída igrexa parroquial de Santiago, na actual praza maior. Do mesmo xeito que o gremio viveirés tivera por patrón durante os tempos medievais a San Luis bispo de Tolosa  o gremio dos mareantes de Celeiro estaba baixo a devoción a San Sebastián e á confraría das Ánimas. Noutras confrarías do Cantábrico os santos patróns tamén eran do máis variado dende o Santo Cristo, San Pedro, San Telmo, San Andrés, San Antonio e Ánimas, etc.

Certamente, as confrarías de mareantes abarcaban todo o mundo social dos mariñeiros, regulando e organizando os traballos, as cuestións asistenciais para protexer ás viúvas, aos orfos e aos anciáns, as funcións relixiosas ou calquera outra necesidade colectiva que debería tratar de solucionar o Maiordomo como máxima autoridade da confraría.

Raíña do ceo

A partir da Contrarreforma a veneración e invocación da Virxe como nai auxiliadora ampliou ás súas virtualidades acentuándose a súa función de consoladora de aflixidos, de náufragos ou como “raíña do ceo” que libraría de toda tribulación aos os que a invocaran en caso de perigo, angustia ou necesidade. Nestes anos o culto a María coñeceu un novo impulso da man das numerosas ordes relixiosas, acadando unha importancia cada vez maior na iconografía das igrexas, no culto e nas peregrinacións ou romarías aos principais centros marianos. No mundo do mar aumentou considerablemente o culto á Virxe do Rosario e a Virxe do Carme, sendo moi habitual o achado “milagroso” de diversas imaxes no mar como aconteceu, segundo conta a tradición, coa virxe do Rosario que se venera na capela do mesmo nome na igrexa parroquial de Santa María do Campo. Co paso do tempo a invocación á Virxe do Carme polos mariñeiros, debido ás continuadas demandas de socorro, foi en aumento pasando a denominala como “Stella Maris” (Estrela do Mar), advocación que seguramente viría da representación da Virxe do Carmelo, o alto monte de Palestina que domina os mares e serviu de faro aos navegantes de Oriente, que serían os primeiros en invocala. Posteriormente os carmelitas foron os encargados de propagar a devoción á Virxe do Carme coa instalación dun convento da devandita orde en Cádiz, por aquel entón –os séculos XVII e XVIII – o principal porto do estado.

Culto en Viveiro

En Viveiro o culto á Virxe do Carme é tamén recente, datando do século XVII, momento no que constituíuse a denominada Confraría de Nosa Señora do Carme. A nova confraría fundouse na antiga igrexa parroquial de Santiago; presentará as súas constitucións para a súa aprobación ante o bispo de Mondoñedo o día 13 de decembro de 1693. Esta petición sería aprobada, segundo se lles notificou aos confrades, coa condición de que a procesión xeral que realizaría a Confraría o día 16 de xullo de cada ano se “haga solamente por el circuito y al derredor de la dha Parroquia y no por las mas calles de la dha Villa”. Anos máis tarde, en 1876, a Confraría aínda redactaría novas constitucións para adaptarse ás leis de congregacións relixiosas.

Nomeamento oficial

Porén, o 19 de abril de 1901, o Boletín Oficial do Ministerio de Mariña publicaba unha disposición pola que se proclamaba oficialmente Patroa da Mariña de guerra española á Virxe do Carme, ordenando a celebración da nova festividade polos  militares da Armada, que deberían convidar a ela aos mariños mercantes, pois tamén a tiñan por patroa dende tempos antigos.

Finalmente, sería na década dos anos vinte, co Directorio Militar de Primo de Rivera, cando se unifique definitivamente a celebración da festividade da Virxe do Carme como patroa das xentes do mar.

Como curiosidade e aínda que na parroquial de Santiago de Viveiro se conservan outras tallas da Virxe do Carme do século XVII compre aclarar que a máis moderna é a imaxe que en 1918 esculpiu o afamado tallista valenciá José Tena, autor de diversos pasos procesionais da Semana Santa como a Flaxelación (1908), o Cristo Xacente(1908), San Xoán (1909) e a Magdalena (1916). A imaxe da Virxe do Carme realizada nos talleres de José Tena foi doada á confraría polo seu vicario Manuel López Vilar, que xa pagara con anterioridade a maior parte do custo do altar da referida virxe.

FUENTE: https://viveirocronista.blogspot.com/2020/07/altar-da-virxe-do-carme-na-igrexa-de.html?spref=fb&fbclid=IwY2xjawL7_MFleHRuA2FlbQIxMQABHl-unv56rauSbL481Z-TikGQl67Xs1HswK6LGqag4zQPPsTcTJJMzZ7XJjYv_aem_C2sNw6UvjkNZ4yLp14aJOA

Calendario

febrero 2026
L M X J V S D
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
232425262728  

Archivos

UN PORTAL QUE CONTINÚA ABIERTO A TODO EL MUNDO